viernes, 8 de abril de 2011

EN DEFENSA DA IGUALDADE: NON A LEI DE FAMILIA

A Plataforma de organizacións Feministas rexeita o “Anteproxecto de Lei de Apoio á Familia e á Convivencia en Galicia” por regresivo, patriarcal e anticonstitucional.
A lei supón un grave recorte dos dereitos da muller, sitúandoa de novo en labores de nai e coidadora (de nenas e nenos, adolescentes, persoas discapacitadas, dependentes e maiores), establecendo a maternidade como rol vital e controlando desta maneira a súa vida afectiva e sexual.
A Xunta, alegando motivos económicos, evitou progresar no desenvolvemento de leis e decretos como a “Lei galega 7/2004 para a igualdade de homes e mulleres”, a “lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero”, a “lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia”, a “lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres de Galicia”, ou o “decreto 15/2010 polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia”, que xa recollen medidas concretas de apoio á familia, á atención de mulleres en situación de exclusión, de socialización das cargas familiares, de permitir compatibilizar vida familiar e laboral. Co mesmo pretexto desmantela organismos –desaparición do Servizo Galego de Igualdade- e substitúeo todo por unha mera declaración de propósitos e boas intencións mentres si destinará medios económicos para a creación do Consello Galego de Familia e o Observatorio Galego de Familia destinados a “protexer” e “dirixir” ás mulleres.
Como exemplo esta nova lei, de aprobarse, derrogaría o capítulo V do Título I da “Lei 7/2004 galega para a igualdade de homes e mulleres” que recollía as medidas básicas de apoio á familia socializando as cargas parentais e familiares como a ampliación da rede pública de gardarías, aumento do horario de atención as crianzas menores de 12 anos, implantación de servizos de comedor en gardarías e colexios públicos, creación de gardarías e colexios na proximidade de parques empresariais, a creación de centros de maiores e ampliación da asistencia domiciliaria a maiores. Medidas sociais encamiñadas a favorecer a maternidade, como se demostrou en países da nosa contorna, permitindo compatibilizar vida laboral e familiar. Estas substitúense por “promover” a creación de centros para o coidado de menores e maiores sen contemplar actuacións específicas cando é responsabilidade do goberno autonómico dotar os servizos e definilos dunha forma laica evitando confundir servizo público e caridade (neste momento xa existen denuncias de trato desconsiderado con mulleres nalgúns centros relixiosos).
A lei recoñece o dereito á vida do fillo ou filla concibidos e “non natos” o que non se axusta a dereito. As mulleres son donas do seu corpo e deben ter a facultade de decidir se queren ser ou non nais e poder recorrer a métodos para evitar ou interromper a concepción aceptados pola lei (anticonceptivos, pílula postcoital ou aborto). Co pretexto dun problema demográfico (os movementos demográficos –inmigración, apertura de fronteiras- poderían solucionalo, no mundo hai superpoboación e convén reducila) envíase de novo á muller ao ámbito doméstico. Co que esta lei conseguiría unha mellora na taxa de desemprego global, retirando ás mulleres do mercado laboral e un aforro en todos os servizos necesarios para que a decisión de ser ou non nai sexa unha opción real e non un suicidio laboral.
É importante coñecer tamén que medidas económicas como a redución do gasto público tenden a afectar desproporcionadamente ás mulleres, principalmente as de menos recursos aumentando a desigualdade entre homes e mulleres. A feminización da pobreza fai que as mulleres teñan menos acceso aos recursos económicos e laborais que permiten a compra de servizos e o acceso das mulleres en idade reprodutiva á saúde implicaría cotas económicas máis altas.
A pesar de que a historia oficial tende a presentar os avances sociais conseguidos polas mulleres como a consecuencia dun progreso que camiña por si só, onde o movemento feminista non influíu, a realidade é que foi a loita de moitas mulleres a que nos permite gozar hoxe de dereitos que nun pasado moi próximo eran-nos negados. Nembargantes as mulleres permanecemos aínda pouco representadas nas estruturas de poder que definen prioridades e asignan recursos, polo que as nosas necesidades rara vez chegan a considerarse prioritarias.

Por iso solicitamos o teu apoio na difusión deste manifesto e a asistencia á manifestación que, para mostrar o noso desacordo con esta lei e solicitar a súa retirada, terá lugar o mércores 13 de abril ás 8 da tarde en Vigo con saída diante do MARCO.

PLATAFORMA DE ORGANIZACIÓNS FEMINISTAS

domingo, 27 de marzo de 2011

convocatorias abertas feministas na Galiza lei familia

A pesares de que a história oficial tende a presentar os avances sociais conseguidos polas mulheres como a consequência dum progresso que marcha por si só, onde o movimento feminista não temos influído, a realidade é que foram as luitas de moitas mulheres as que nos permitem hoje gozar de direitos que num passado muito próximo eram-nos negados.

Leis como a de família, aprovado xa o anteprojeto de lei polo Consello da Xunta, a pesares de que según palavras textuais do Consello Económico e Social de Galiza “entende que este anteprojeto de lei é regressivo, xa que leva implícitos graves recortes para os seus direitos, fazendo retroceder muito tempo atrás os avances sociais, assim como pola profunda carga ideológica que conleva, recuperando a retórica da família heterossexual e a maternidade como rol social vital das mulheres, o cal supõe o controle, a fim de contas, da sua vida sexual”.

Neste momento em que em breve passará a ser debatida no Parlamento da Galiza, as organizações feministas, as organizações de mulheres e as mulheres em geral não podemos quedar caladas ante está iminente perda de direitos fundamentais.

Fazemos unha convocatória aberta a todas as mulheres e as suas organizações a participar num encontro com o objetivo de:

Debater e acordar, entre todas nós, a resposta a dar diante desta situação.

Compostela: convocatória aberta é para o dia 31 de março ás 20:00 h. na biblioteca da Gentalha do Pichel.

Vigo: Convocatoria aberta 30 de março ás 20 h. na Federación Veciñal na Praça da Pincesa.

Aguardamos contar coa vossa presença e que difundais esta convocatória entre os vossos contactos.

_______________________________________________

sábado, 26 de marzo de 2011

Convocatoria unitaria feminista Vigo 30 marzo:lei familia

A pesares de que a história oficial tende a presentar os avances sociais conseguidos polas mulleres como a consecencia dun progreso que marcha por si só, onde o movemento feminista non temos influído, a realidade é que forom as loitas de moitas mulleres as que nos permiten hoxe gozar de direitos que nun pasado moi próximo eran-nos negados.

Leis como a de familia, aprobado xa o anteproxecto de lei polo Consello da Xunta, a pesares de que según palabras textuais do Consello Económico e Social de Galicia “entende que este anteproxecto de lei é regresivo, xa que leva implícitos graves recortes dos dereitos das mulleres, facendo retroceder moito tempo atrás os avances sociais, así como pola profunda carga ideolóxica que conleva, recuperando a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulheres, o cal supón o control, a fin de contas, da súa vida sexual”.

Neste momento en que en breve pasará a ser debatida no Parlamento da Galiza, as organizacións feministas, as organizacións de mulleres e as mulleres en xeral non podemos quedar caladas ante está inminente perda de dereitos fundamentais.

Dende diferentes organizacións de mulleres de Vigo facemos unha convocatoria aberta a todas as mulleres e as suas organizacións a participar nun encontro con dous obxetivos :

1º.- Debater entre todas a “lei Familia” , na que faran unha breve introducción Elvira Landin e Luisa Ocampo.

2.- Acordar, entre todas nós, a resposta a dar diante desta situación.

A convocatoria aberta é para o día 30 de marzo ás 20:00 h. no local da Féderación Veciñal (Praza da Princesa Vigo).

Agardando contar coa vosa presencia e que difundades esta convocatoria entre os vosos contactos.

Recibide saúdos.